Visita da conselleira do Medio Rural á base de Protección Civil e a varias pistas onde se efectuaron desbroces froito dos convenios entre administracións
A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, visitou na mañá deste luns o concello de Santa Comba. Foi recibida na base de Protección Civil pola alcaldesa María Pose e polos concelleiros Juan Carlos Pérez e José Pose. Chegou acompañada polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e polo director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, entre outros.
Vázquez Mejuto inspeccionou a motobomba e o tractor cedidos ao concello e tamén os desbroces realizados en varios puntos do concello froito dos respectivos convenios entre o concello de Santa Comba e a Xunta. A conselleira destacou que «Santa Comba é un deses concellos que temos que poñer de exemplo a modo de colaboración nun tema fundamental como a prevención e a extinción de incendios forestais».
«Os concellos son máis conscientes»
A conselleira salientou o investimento de 11,7 millóns de euros nos diferentes concellos de Galicia que posibilitan que haxa «290 brigadas e 1800 persoas traballando no territorio» e unhas 180 motobombas activas.
Ánxelez Vázquez tamén valorou que na actualidade «os concellos son máis conscientes de que hai que colaborar entre as administracións».