A organización é a cargo do Concello da Laracha co obxectivo de poñer en valor os produtos de horta e o labor dos profesionais.
O Concello da Laracha organiza por terceiro ano consecutivo a Feira de Horticultura en colaboración coas asociacións A Terriña e Horta do Noroeste. O obxectivo esencial deste evento é poñer en valor tanto os produtos de horta da nosa zona como o labor dos profesionais nos diferentes tipos de cultivos existentes.
Nesta ocasión cámbiase o lugar de celebración, que será no Campo da Feira de Paiosaco coincidindo coa xornada de feira do domingo 19 de agosto. Nun sector dese recinto serán instalados 20 postos nos que os produtores e asociacións informarán, mostrarán e venderán os seus produtos desde as 10 ata as 14 horas.
Para amenizar a xornada,a chef Beatriz Sotelo realizará un showcooking (exhibición de cociña) no que explicará e realizará seis elaboracións nas que os produtos principais proceden da horta local. Os pratos poderán ser degustados polas persoas que estean presentes.
O público que acuda a Paiosaco tamén participará no sorteo de cestas con produtos doados polos propios produtores, empresas e asociacións que atenderán os stands da Feira de Horticultura.
Nota de prensa do Concello da Laracha