Lanzan “unha alerta á veciñanza para que se informe sobre as consecuencias do proxecto e non asinen ningún tipo de contratos de cesión como consecuencia de determinadas presións, ademais de presentar as correspondentes alegacións”.
Proxecto de Greenalia Wind Power
O BNG de Coristanco anuncia a presentación de alegacións ao proxecto do parque eólico do Campelo que segundo os nacionalistas ocuparía unha extensión de 2.800 Ha con once xeradores de 113 metros de alto e 136 metros de diámetro de rotor pero que ““non leva parello ningún tipo de utilidade pública” para a veciñanza de Coristanco.
Desde o BNG advirten da proximidade do proxecto de Greenalia Wind Power ao humidal de Alcaián e as vivendas do Campelo, Pereiras e As Salgueiras “que ademais dos eólicos, terán moi preto das súas casas as liñas de evacuación da enerxía eléctrica e un constante tránsito de vehículos de gran tonelaxe”.
Lagoa de Alcaián
Un piar que sustenta as alegacións é precisamente a afección á lagoa de Alcaián, unha “zona proposta para a súa inclusión na Rede Natura xa no ano 2008” e que supón “unha contradición” para o BNG xa que “mentres se propón a figura de humidal protexido para a zona desde hai anos, por outro lado se admita a trámite un parque eólico que afecta de maneira irreversible a contorna da Braña Rubia”.Sinalan a presenza da especie vexetal “Centaurea ultreiae”, por exemplo.
O grupo que lidera Laura Mariño, confirma a presentación de alegación pero tamén lanza “unha alerta á veciñanza para que se informe sobre as consecuencias do proxecto e non asinen ningún tipo de contratos de cesión como consecuencia de determinadas presións, ademais de presentar as correspondentes alegacións”.
Parque eólico do Bustelo
O BNG de Coristanco tamén presentará alegacións ao proxecto eólico do Bustelo “que se pretende ubicar na zona como continuación do parque do Campelo, en dirección á contorna do río do Sol e Entrecruces, e que constaría doutros 11 aeroxeradores máis, con importantes afeccións ambientais e patrimoniais”.Os proxectos do Campelo e do Bustelo están unidos ao proxecto do Monte Toural, no concello de Santa Comba.