Prosegue o programa “seis meses de actividades sen pausa”.
Dumbría continúa coa súa programación “6 meses de actividades sen pausa” que comenzou en abril e prolongarase ata o mes de setembro. O mes de maio rematará coa cuarta edición da carreira pedestre do concello, que se celebrará o vindeiro sábado 26.
O 3 de xuño a Casa da Cultura de Olveira acollerá a clausura das escolas de teatro municipais. O sábado 9 disputarase o VIII torneo de fútbol base memorial Manuel Andújar, en categorías benxamín e alevín, e o 26 na praia do Ézaro haberá unha festa infantil fin de curso para os nenos e nenas do concello, que teñan máis de catro anos.
O meses de xullo e agosto estarán cheos de actividades. Nas instalacións do Conco haberá distintas ofertas para os nenos:Manualidades, reciclaxe, cociña, experimentos, animación á lectura, contacontos,xogos e dinámicas para o tempo libre, xogos populares e de mesa, e cursos de iniciación e perfeccionamento de natación(dirixidos tamén a adultos)
O 8 de xullo chegará unha nova edición do Gran Fondo Ézaro, unha popular marcha cicloturista que nesta ocasión está incluída dentro da Liga UCI. Non faltarán deportistas de renome como Javier Gómez Noya, Marino Lejarreta ou Carlos Sastre.
O paseo marítimo do Ézaro acollerá varias sesión de cine ao aire libre (14, 21 e 28 de xullo ás 22,30h). E a súa praia será o epicentro de dúas interesantes citas deportivas, o XX campeonato de España de salvamento xuvenil e salvamento deportivo e o campionato de España cadete de voleipraia. Entre o 16 e o 20 de xullo, O Conco recibirá aos participantes nun Campus de fútbol do Deportivo. E o 22 de xullo a carballeira de Berdeogas volverá a celebrar a Festa da Familia.
A primeira fin de semana de agosto desenvolverase a Festa da Praia do Ézaro, con actuacións circenses, obradoiros, inchables, maxia, xogos tradicionais e coa celebración do campionato galego de volei praia, de categorías inferiores. O 12 de agosto, nas augas do río Xallas haberá outra cita deportiva de competición, o campionato galego de promoción de slalom en augas bravas. Xa o 31 de agosto terá lugar unha festa clausura das actividades estivais no Conco, con xogos de animación, xincanas deportivas, etc…
O programa de actividades do concello de Dumbría ten previsto para o mes de setembro o campionato galego de slalom olímpico (no campo de slalom do Couquiño, o 2 de setembro) e o 27 campionato de España de salvamento deportivo por comunidades autónomas( 22 e 23 setembro).