Fontes municipais afirman que se investiron 550.000 euros en ampliar e mellorar a rede.
“A auga para nós é un asunto totalmente prioritario”. Así de rotundo se mostra o alcalde, Juan José Blanco Riveiro ao falar da rede de abastecemento municipal de auga. Ao fío disto engade que o equipo de goberno quere “estender a traída municipal ao maior número de núcleos posible”. O rexedor explica que a “intención é que, quen a necesite, poida combinala coa traída propia da que xa dispón”.
Trasladar esta prioridade a cifras supón afirmar que o goberno invertiu 550.000€ en ampliar e mellorar a rede de abastecemento e en colaborar con diferentes núcleos para dar un salto cualitativo nas traídas veciñais. Blanco explica que boa parte destes esforzos tiveron como destino Colúns e Antes.
O rexedor enumera as actuacións levadas a cabo, “démoslle auga a Grille e a parte de San Cosme. A parte restante, con Pazos e Xesto incluirase no vindeiro plan de obras da Deputación”. Nesta liña engade que “vanse colocar chaves de paso en Xunqueira para que no verán accedan á traída municipal e agardamos que Eirón tamén poida facelo contra finais de ano”. Desde o Concello tamén están a estudar dar abastecemento proximamente “a parte da aldea de Vioxo e a Lago”.
Malia os esforzos do Concello, Blanco afirma ser “consciente” de que é preciso “seguir neste camiño porque aínda hai moita poboación que se nutre das traídas que xestiona a propia veciñanza”. “Nas aldeas de Chacín, Vilariño, Niñán, Liñares, Fírvado, Busto, Cives e Foxas tamén se realizaron melloras e agora mesmo están a realizarse en Argueirón e Castrelo”.
Fonte- Nota de prensa do concello de Mazaricos.