A asociación autonómica Petón do Lobo asegura que hai malestar na veciñanza do concello por mor da inclusión dos dereitos mineiros solicitados no seu día por Mineira de Corcoesto(Edgwater), no Plan urbanístico municipal aprobado inicialmente o pasado 22 de marzo.
Citan que no plan xeral recóllense os dereitos mineiros Julia 2, Julia 3, Julia 4, Julia 5 e Julia 6 que afectan a parroquia de Corcoesto, ainda que tamén se inclúen outros dereitos mineiros que afectan as parroquias de Riobó, Anós ou Canduas. Perciben unha “intencionalidade espúrea” que incrementa o malestar entre os veciños “posto que se está a xerar inseguridade xurídica ao mesmo tempo que desde a Alcaldía se pon a minería metálica (recursos da Sección C) e outros intereses, por enriba das casas da veciñanza, dos núcleos afectados e dos seus medios de vida”.
Agardan que o alcalde de Cabana, o popular José Muíño, acuda a xuntanza prevista para o 2 de maio en Corcoesto, para explicar o plan urbanístico. Para Petón do Lobo “resulta difñicil comprender como a Xunta de Galicia pode mostrarse proclive unha vez máis á minería de ouro e outros metáis nas súas distintas vertentes sen valorar outro tipo de condicionantes como as afectacións ao territorio e ao medio ambiente, primando a actividade extractiva fronte outros sectores produtivos básicos en Galicia como a agricultura e a gandería”.