Tamén avanza o proxecto do Centro BTT Costa da Morte.
Proxecto BTT
O responsable da área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, presentou o borrador do convenio de colaboración para desenvolver o proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte.
Nesta xuntanza participaron alcaldes, concelleiros e secretarios de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Este convenio deberá ser aprobado nos distintos plenos das corporacións locais e posteriormente no pleno provincial.
A Deputación coruñesa destinará medio millón de euros para promover esta actuación.“Este proxecto ten por obxecto cohesionar o territorio a través de modelos patrimoniais, impulsando o megalitismo dende a cooperación entre os concellos e a Deputación” sinalou Xosé Regueira.
Agora os concellos recibirán o borrador e despois “xunto coa Deputación xestionarán durante os vindeiros catros anos de forma conxunta as actuacións e actividades que se realizarán ao redor dos diferentes monumentos megalíticos”.
Centro BTT Costa da Morte
Xosé Regueira tamén se reuniu con representantes dos concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas. Por este municipios transcorre o proxecto Centro BTT Costa da Morte, de 630 quilómetros.
A Deputación destina 181.000 euros para esta senda BTT. Os municipios inician agora un período de estudo e análise das condicións establecidas no convenio elaborado pola Axencia de Turismo Xunta da Galicia e a Deputación da Coruña, para a afrontar a execución, acondicionamento e sinalización do proxecto.
“É preciso o compromiso firme de todos os concellos que forman parte deste proxecto”, pois unha vez que o convenio marco sexa asinado, a Xunta de Galicia revisará e avaliará a homologación da cada un dos quilómetros que conforman o percorrido, unha coxuntura, incidiu, “que determinará semestralmente que o proxecto siga adiante” manifestou Regueira.