Axentes medioambientais investigan a morte por disparo dunha loba en Coristanco.
Os axentes medioambientais do Distrito II (Bergantiños-Mariñas Coruñesas) investigan a morte por disparo dunha loba no lugar da Rabadeira, na parroquia de San Mamede de Seavia, no concello coruñés de Coristanco. O cadáver foi retirado o pasado sábado 24 e presentaba mostras evidentes de que a morte se debeu a un disparo.
Os axentes recolleron na zona os indicios que poidan permitir dar co autor destes feitos. O disparo, presuntamente, efectuouse na zona de seguridade próxima ás vivendas do lugar da Rabadeira e en dirección a unha estrada. Os feitos constitúen diversas infraccións á Lei de Caza de Galicia.
O colectivo profesional que ten o cometido de preservar a flora e a fauna lembra que está prohibido abater un lobo sen a correspondente autorización. Ademais, cómpre sinalar que estamos fóra da tempada de caza.
Segundo a información dispoñible, non existen reclamacións nos últimos anos na zona a causa de danos producidos por esta especie, polo que non hai ningunha xustificación para este suceso. Os axentes medioambientais sinalan que este animal é o único preeiro que pode controlar a poboación de xabarín, que si ocasiona danos nos cultivos agrícolas da zona.
Ademais do disparo que supostamente causou a morte da loba, o cadáver presentaba varios orificios nas patas traseiras coa apariencia de ser ocasionados por perdigóns. Non obstante, son dunha ocasión anterior á data da aparición do cadáver.
Á espera dos resultados da necropsia, os axentes medioambientais solicitan a colaboración cidadá para que calquera persoa que teña algún dato do suceso se poña en contacto do Distrito II da comarca de Bergantiños ou que acuda á oficina comarcal do distrito ambiental, situada no edificio Fórum de Carballo.