XX Festa do Bolo do Pote no concello de Mazaricos.
A Picota acolle esta fin de semana a Festa do Bolo do Pote que cumpre vinte edicións. Aínda que o domingo é o día grande, xa o sábado poderase xantar ou cear bolo do pote nos seguintes locais de degustación:Restaurante o Verxel, Efe-Eme ,Casa Jurjo, Vinculeiro, Alborada e Manduca.
E o domingo a partir da unha do mediodía, haberá unha degustación de tradicionais bolos no campo da feira. Desde a asociación das Amas de Casa pretenden repartir máis de dúas mil racións deste produto, acompañado por carne de porco e chourizo. Os locais de degustación volverán a ofrecer os seus menús durante esta xornada, compostos por bolos do pote, cocido con grelos, postre, viño e café, cun prezo de 18 euros.
Non faltará a animación musical. O grupo de gaitas O Verán ofrecerá un pasarrúas e un concerto, e tamén actuará a charanga Os Jalácticos. No campo da feira tamén se habilitarán inchables para os máis pequenos e haberá unha exposición de coches mini.A organización corresponde ao concello de Mazaricos que conta coa colaboración da asociación Amas de Casa e Monte Picoto. Ademais dos seis locais de degustación, tamén colaboran Casa Senra e O Pallote.
O alcalde, Juan Blanco, lembrou as actividades de promoción desta festa na feira Xantar e “logo as amas de casa foron á casa de Rosalía a facer o bolo xunto co afamado cociñeiro Pepe Solla, onde tamén se fixo promoción do produto”.Esta semana, nenos e nenas dos colexios de Mazaricos aprenderon a cociñar o bolo grazas a unha actividade do obradoiro Proturismo 2017.