O BNG informa da carta remitida pola Valedora do Pobo.
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aínda non remitiu o informe demandado” informa nun escrito a Valedora do Pobo ao BNG de Cee, que xunto coa plataforma do Castelo d Príncipe da Ameixenda, presentaron unha queixa na que solicitaban a apertura do monumento.
Os organismos deben responder ás peticións de informes da Valedora do Pobo nun período de quince días, pero neste caso pasouse por alto esta obriga.
O concelleiro do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro considera “inaceptable que a consellería non atenda as demandas da institución, mais tamén cremos que este xeito de actuar obedece, sen lugar a dúbidas, a intención de deixar que pase o tempo e que se dilúan as nosas reivindicacións”.
O BNG trasladará o asunto ao Parlamento de Galicia
Se este é o obxectivo real da Xunta, desde o BNG advirten que “seguiremos a espera das novas da Valedora mentres damos o seguinte paso de levar a iniciativa e a queixa ao Parlamento de Galicia por medio do noso grupo parlamentar”.
O pleno de Cee pronunciouse no seu día por unanimidade, a favor de que se cumpra a lei e se abra o histórico Castelo de Ameixenda.