5.3 C
Santa Comba
martes, marzo 26, 2024

Caión acolleu a clausura do proxecto Morada Atlántica

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte e Costa Sostible escolleron a localidade de Caión para desenvolver a xornada de clausura de Morada Atlántica, proxecto de cooperación interterritorial e transnacional financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e centrado no aproveitamento da cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio entre as diferentes zonas costeiras atlánticas.

Morada Atlántica é unha iniciativa que ten por finalidade a posta en valor da cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro empregando como fío condutor a gastronomía. Baixo unha esfera experiencial, emocional e relacional pretende converter a oferta turística nun mercado de emocións singular. 

O presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo, foi o encargado de dar a benvida e presentar o acto. A continuación, José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, agradeceu aos organizadores ter escollido Caión, “a nosa principal xoia turística”, para realizar a xornada. O rexedor municipal agarda que Morada Atlántica dea un impulso ao “turismo xerador de riqueza” e sexa unha nova oportunidade para “continuar traballando na dirección de potenciar os museos e gañar visitantes aproveitando as posibilidades que ofrecen os fondos europeos”.

Pola súa parte Noelia Rodríguez, vogal do GALP Costa Sostible, destacou a importancia de que os dous grupos interactuasen para facer realidade o proxecto e agradeceu a decidida aposta de ambos por potenciar o turismo a través da posta en valor do sector pesqueiro.

A continuación Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte, fixo unha exposición detallada de Morada Atlántica, centrándose nas tres principais actuacións desenvolvidas: elaboración dun recetario de cociña atlántica, creación dunha rede de establecementos de restauración baixo esa marca e posta en marcha da rede de espazos museísticos atlánticos, entre os que se atopa o Arquivo da Pesca de Caión. Segundo Guillermo González, “nunca pensamos en chegar ao que chegamos con este proxecto, que acaba de comezar e agardamos que continúe crecendo durante varios anos”. Neste sentido, adiantou que entidades canarias, andaluzas e da Bretaña francesa xa se interesaron en formar parte del.

Seguidamente formouse a mesa redonda sobre gastronomía, cultura e turismo, na que se abordou a realidade actual da costa atlántica de Galicia e do norte de Portugal expoñendo as fortalezas e ofrecendo posibles solucións ás cuestións susceptibles de ser melloradas polos profesionais dos diferentes sectores. Nesta parte do acto participaron Antonio Leandro (asesor do presidente do municipio portugués de Ilhavo), Francisco González (presidente do clúster de turismo de Galicia), “Caco” Agrasar (cociñeiro Estrella Michelín do restaurante  As Garzas), José Manuel Vázquez (responsable do Museo da Memoria Mariñeira de Porto do Son) e Marta Valcárcel (blogger especializada en turismo).

A Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, pechou o acto facendo fincapé na “importancia da cooperación para crear os lazos que fagan crecer” Morada Atlántica, un proxecto “baseado en aspectos importantes e destacados” como son a gastronomía, o turismo e a cultura mariñeira atlántica.

Entre os asistentes no complexo hostaleiro Costa Caión estiveron unha ampla representación do goberno local da Laracha -os edís José Ramón Martínez Barbeito, Patricia Bello e Rocío López-, o alcalde de Camariñas -Manuel Valeriano Alonso-, o tenente alcalde de Laxe –Ricardo Facal- e a presidenta da Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns –Julia Haz-.

Fonte- Concello da Laracha

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos