“En Bergantiños contaremos cos mellores candidatos e candidatas” declara González Formoso.
O candidato á secretaría provincial do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo un encontro con dirixentes e militantes do Partido Socialista en Carballo, nun acto onde defendeu a “vocación municipalista” do partido e marcouse como obxectivo «activar todo o potencial do partido nesta comarca» de cara ás eleccións municipais de 2019. «Só dende a unidade poderemos enfrontar con garantías a importante cita electoral que nos agarda en 2019» afirmou Formoso.
«Sabemos que o cambio empeza nas municipais»
Para o candidato esta cita electoral é fundamental:»Sabemos que o cambio empeza nas municipais, por iso en Bergantiños contaremos cos mellores candidatos e candidatas, cos mellores equipos, porque sei que temos xente cun gran potencial, que coñece os problemas reais do territorio e que está en conexión permanente co tecido social».
O PSOE na comarca ten a dous alcaldes socialistas,José Manuel Mouzo, en Laxe, e Lois García Carballido, en Ponteceso. Na súa intervención puxo en valor o traballo dos socialistas nos concellos:»Os concellos e deputacións nos que goberna o Partido Socialista son a día de hoxe un auténtico muro de contención contra as políticas do PP; somos os socialistas os que loitamos pola igualdade de oportunidades,os servizos públicos, as políticas sociais, a transparencia, o benestar e a creación de emprego».
No encontro celebrado na sede dos socialistas en Carballo, estiveron presentes o deputado estatal Ricardo García Mira e a deputada autonómica, Loli Toja.