Os populares falan dunha subvención de máis de 17.000 euros.
O Partido Popular de Zas denunciou que o goberno local renunciou a unha subvención de máis de 17.000 euros da Xunta para a contratación de dous veciños que se atopan en situación de desemprego e cobrando a Renda de Integración Social (Risga).
A axuda serviría para contratar durante sete meses a dous dos cinco veciños que, nese momento, recibían o subsidio que ofrece o goberno autonómico, algo “imperdoable” para os populares.
“Só hai dúas explicacións, ou Muíño é un auténtico irresponsable ao que lle dá exactamente igual a delicada situación que atravesan estes veciños ou, pola contra, que o Concello de Zas vailles a ofrecer algún tipo de emprego” declarou David Gómez.
O portavoz dos populares aproveitou tamén para criticar ao alcalde, ao que cualificou de “cínico” polas súas últimas declaracións nas que acusaba á Xunta de Galicia de ser a responsable dos problemas na tramitación das peticións do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
“Visto o visto, igual o problema é que señor Muíño non solicita ben as axudas ou, directamente, como neste caso, que renuncia a elas sen ter en conta o moito que fan falta. Despois dirá que é a Xunta a culpable de todo como fai sempre”, dixo Gómez Brandariz.
Axudas para estudantes
O PP de Zas tamén critica ao goberno do BNG de Zas por tramitar “tarde, mal e arrastro” as bolsas de axudas para os estudantes de Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e estudos de Grao Medio e Superior.
“Estamos a falar dun total de 30.000 euros que lle virían moi ben ás familias de Zas que teñen menos recursos para poder pagar a formación dos seus fillos. O que non é normal é sacalas a estas alturas do ano” dixo David Gómez, que lamentou que só haxa “catro días” para presentar toda a documentación necesaria.