O informe de Manuel Vilar defende a vinculación xacobea desta ruta.
A contorna da ponte romana de Brandomil acolleu a presentación dun informe sobre o Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil, realizado polo antropólogo Manuel Vilar, que estivo acompañado por representantes das asociación Grandimirum de Brandomil(Zas), asociación parroquial de Berdoias(Vimianzo) Baíñas do Camiño(Vimianzo), asociación cultural de San Cosme de Antes(Mazaricos),San Luis da Pereira(Santa Comba) e Lumieira(A Baña), que levan desde 2015 traballando pola recuperación e o recoñecemento deste camiño.
Manuel Vilar indicou que “hai evidencias claras para concluír que o traxecto Santiago a Muxía pasaba por estes lugares. Agora toca seguir traballando e camiñando”. Próximamente está previsto que se presente o informe á Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez.
Apoio de seis concellos
Segundo os promotores ao acto desenvolvido este sábado asistiron unhas trescentas persoas, con representantes dos seis concellos patrocinadores A Baña, Mazaricos, Muxía, Santa Comba, Zas, e Vimianzo. Entre eles a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, o de Zas, Manuel Muíño e o de Vimianzo, Manuel Antelo.
«Para nós é fundamental porque é unha parte da recuperación do noso patrimonio. Agora estamos dándonos conta de que hai un montón de evidencias e de patrimonio non só material que se está perdendo» manifestou a presidenta da asociación Grandimirum, María Martínez Tubío, en declaracións a Televisión de Galicia.