O colexio dirixido por Beatriz Quintela promove a ensinanza plurilingüe na educación infantil.
O colexio CPR plurilingüe Nuestra Señora Inmaculada de Santa Comba ven de ser premiado coa “estrela edulingüe” que concedeu a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia nun acto celebrado o pasado mércores na Cidade da Cultura.
O centro xalleiro é un dos que contan coa acreditación de centro plurilingüe en educación infantil, e así foi recoñecido no acto presidido polo conselleiro Román Rodríguez ao que acudiron a directora do centro Beatriz Quintela Fernández e a profesora do proxecto plurinfantil, Natalia García Gesto.
Aprender canto antes mellor
O Nuestra Señora Incamulada, que desde o 2011 forma parte da rede de centros plurilingües de Galicia, impulsou nos tres cursos de educación infantil “a comunicación das rutinas diarias en lingua inglesa”.Unha aposta polos idiomas que conta co respaldo do proxecto “Aprendemos actuando”, onde os nenos, tanto de Infantil como de Primaria, escenifican representacións teatrais na lingua inglesa.
Desde o centro xalleiro están convencidos de que a idade máis adecuada para comezar a aprendizaxe dunha terceira lingua é a de “canto antes mellor”, xa que, en idades temperás, “o cerebro conta cunha gran plasticidade, o que permite asimilar coñecementos de forma inconsciente máis rápida e eficazmente e sen ningún tipo de presión social ou medo a cometer erros”.
“Moito máis que un proxecto educativo”
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, definiu o modelo plurilingüe no ensino (combinar as dúas linguas cooficiais cunha estranxeira) como “moito máis que un proxecto educativo”. Significa, nas súas palabras, “dar máis oportunidades para o alumnado con independencia da súa situación social ou económica, significa preparar aos mozos e ás mozas para os retos da actual sociedade globalizada, e significa mellorar as perspectivas laborais dos, mañá, futuros profesionais”.
Pola súa parte a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, felicitou ao centro xalleiro por este recoñecemento e por toda a importante labor que desenvolve no concello.