Na sinatura participaron o deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación o Camiño dos Faros, Carlos Tasende.
O faro vello de Cabo Vilán acolleu o acto de sinatura do convenio entre a Deputación coruñesa e a asociación Camiño dos Faros, que permitirá financiar a homologación do Camiño dos Faros como senda de Gran Percorrido. A entidade provincial achegará un total de 78.152 euros, o 80% do total do orzamento previsto.
Nesta sinatura participaron o deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Asociación o Camiño dos Faros, Carlos Tasende.
Tamén estiveron presentes varios membros da Asociación o Camiño dos Faros, e os alcaldes de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, Mazaricos, Juan José Blanco, Ponteceso, Lois García Carballido, Malpica, Eduardo Parga, e Fisterra, José Marcote. Tamén varios concelleiros de Camariñas e Malpica.
O deputado e responsable da área de turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, lembrou que desde este departamento «confiouse desde o primeiro momento na fortaleza deste proxecto a nivel turístico e tanto é así que o pasado ano decidiu presentalo en Fitur, un dos máis importantes escaparates do sector, e a partir de aí comezou un periplo administrativo que remata agora coa formalización deste convenio que é fundamental para a súa consolidación, protección e promoción».
«O convenio significa que un proxecto que naceu hai cinco anos de forma voluntariosa recibe o recoñecemento dos nove concellos e tamén da Deputación que se implica na súa homologación. Para nós é un respaldo que consolida a ruta e asegura o seu futuro», sinalan desde a Asociación o Camiño dos Faros.
No proxecto que financia a Deputación da Coruña inclúese a diagnose e estudo de definición da senda, a execución de intervencións como homologacións da Federación Galega de Montañismo ademais de topoguía, sinalización e panelización e, finalmente, estudo e execución das medidas e obras de acondicionamento.
A actividade que financia o proxecto pretende converter a Ruta en Senda de Gran Percorrido (GR), o que mellorará o trazado e seguridade, a difusión mediática e o coñecemento por un maior número de persoas, permitindo unha valorización dun recurso natural do que participan nove concellos da Coruña.