Antón Sánchez:»Non permitiremos que os intereses empresariais e os comportamentos corruptos se antepoñan ao interese xeral». Declaracións en audio.
O vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez mantivo unha xuntanza coa Plataforma en Defensa da Terra de Coristanco a raíz da resolución da Consellería de Medio Ambiente na que dá o visto bo á Declaración de Impacto Ambiental para a instalación dunha planta de tratamento de residuos industriais no lugar da Furoca.
Sánchez denunciou a relación entre a autorización concedida á empresa Gesmaga e a «vergoñenta moción» que se levou a cabo en Coristanco «que saiu adiante co apoio do PP e cuxo cerebro foi o actual alcalde accidental, Antonio Pensado Plágaro, que está sendo investigado polo Xulgado n.1 de Carballo por delitos de malversación de fondos, prevaricación e abuso de influencias».
«A moción prosperou para favorecer determinados intereses»
Antón Sánchez asegurou que «xa o advertimos naquel momento, pois sabiamos que a moción prosperou para favorecer determinados intereses empresariais». O deputado de En Marea lembrou «os antecedentes de Pensado dispensando trato de favor á empresa Gesmaga, polos que aínda está sendo investigado».
En declaracións aos medios de comunicación amosouse sorprendido pola » contradicción que se dá entre esta resolución e a que a mesma Consellería deu en Santa Icía, no concello de Arteixo, onde esixiu unha DIA ordinaria e e non simplificada como neste caso». Antón Sánchez comprometeuse coa Plataforma en Defensa da Terra de Coristanco a levar adiante as accións políticas precisas «para evitar que os intereses empresariaais e os comportamentos corruptos se antepoñan ao interese xeral».