Os populares reclaman medidas polos problemas que a seca está causando en Brandomil, Brandoñas, Muíño, Loroño, Meanos, Santa Sía de Roma e San Adrián. David Gómez denuncia un trato desigual por parte do concello dde Zas.
O portavoz municipal do Partido Popular de Zas anunciou que vai presentar unha moción na que insta ao goberno local do BNG a poñer en marcha un plan de emerxencia para paliar os problemas que a seca están provocando nas parroquias de Brandomil, Brandoñas, Muíño, Loroño, Meanos, Santa Sía de Roma e San Adrián.
“Zas é un municipio eminentemente agrícola e gandeiro e, por tanto, a falta de auga é un asunto moi delicado e que pode xerar moitos problemas aos veciños” afirmou David Gómez que pensa que a falta de abastecemento comeza a ser “preocupante” e solicita unha liña de axudas para financiar a construción, mellora e acondicionamento dos pozos de auga.
Os populares tamén demandan a creación dun servizo municipal para atender “todo o relativo aos problemas xerados pola seca, e que conte cun servizo telefónico de atención ao cidadán”.
“Trato desigual” por parte do concello
David Gómez denuncia un “trato desigual” por parte do concello á hora de abastecer de auga ás parroquias do municipio.
“Chegáronnos queixas de moita xente asegurando que o executivo local non leva a cabo o abastecemento de auga de maneira xusta e equitativa entre os veciños”, indicou Gómez Brandariz.
O portavoz popular tamén pedirá no vindeiro pleno que se inclúa unha partida nos orzamentos para poñer en marcha accións que “garantan a subministración de auga aos veciños de Zas, que é a verdadeira obriga do Concello”.