A vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín, visitou o concello de Laxe.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín,comprometeu o apoio da entidade provincial á mellora do Museo do Mar de Laxe e ao programa Reláxese de Turismo, nunha visita que realizou ao concello.
Sanmartín mantivo un encontro co alcalde, José Manuel Mouzo(PSOE) e co concelleiro de turismo, Xosé Manuel Pose(BNG), cos que tamén falou de axudas provinciais para a seguridade viaria e o aforro no alumeado público.
Axuda económica da Deputación
A Deputación destina 215.000 euros a proxectos de seguridade viaria, mellora do alumeado público e equipamentos no Museo do Mar.O concello de Laxe tamén recibiu 416.175,16 euros con cargo ao Plan Único e case 150.000 euros de subvencións para persoal técnico en animación sociocultural, deportivo, financiamento dos servizos sociais comunitarios, o programa de integración laboral ou a limpeza de praias.
“A achega suporá importantes melloras na seguridade viaria e o aforro enerxético mais tamén un paso adiante na conservación e a difusión do rico patrimonio fotográfico que Laxe ten grazas ao arquivo de Plácido e o seu fillo José María Vidal, xunto cunha aposta pola desestacionalización do turismo”, sinalou Goretti Sanmartín.
O Museo atesoura arredor de 67.000 fotografías, entre copias orixinais en papel, negativos orixinais e vidros/cristais de Plácido Vidal (1867-1956), o seu fillo José María Vidal (1900-1988) e tamén o seu neto. O arquivo fotográfico foi dixitalizado e forma parte principal do patrimonio do Museo do Mar de Laxe. A Deputación tamén destina 20.000 euros ao programa Reláxese.
O alcalde de Laxe, José Manuel Mouzo(PSOE) louvou o apoio da Deputación coruñesa:“A Deputación está a ser o piar fundamental do concello, sen ela non teríamos posibilidade de afrontar novos proxectos. Grazas ao Plan Único cancelamos un 80% da débeda que tiñamos o que permite un horizonte moi distinto”.