O alcalde segue de baixa e xurde unha regueifa mentres a xustiza admite a trámite a denuncia de Terra Galega contra o pleno da moción de censura.@cristobalmourin
A presente lexislatura no concello de Coristanco da para un libro. Desde un goberno tripartito de 7 membros e tres partidos que se quedou en 4 membros dun só partido na dirección ata un alcalde, Abraham Gerpe, que chegou á alcaldía froito dunha controvertida moción de censura, e que despois de tomar posesión e estar uns días no sillón da alcaldía tivo que deixar temporalmente o posto ao exalcalde Antonio Pensado Plágaro.
Un accidente de circulación no Val do Dubra provocou que Gerpe Muñiz non poidera participar no primeiro pleno despois da moción. Mentres superaba desta adversidade fai uns días sufría outro accidente, o cal parece que prolongará o seu proceso de recuperación.
Unha negativa circunstancia que deu para múltiples comentarios. Moitas pensarán que todo este argumento, real como a vida mesma daría para unha película. O que era de agardar e que nun territorio de regueifeiros este asunto tiña que acabar nunha copla publicada na páxina de Facebook “Regueifando pola vida” de Guadalupe Blanco Vázquez.
Mire usté señor alcalde
ándeme máis con xeitiño
que vamos ter que ofrecelo
á nosa virxe do Corpiño.
Non sale dunha e volve
eso non é alegría
andar tendo accidentes
así cada quince días.
É un tema complicado
a desgracia non aparta
algún dí ás agochadas
que esto pasa polo Karma.
Voulle dar unha receta
coma se fora meu fillo
agora de aquí en diante
leve allos no bolsillo.
Leve allos no bolsillo
que mal o están a mirar
vai ir pola carretera
e volverse «amaghuar».
Teña ollo polo pueblo
e vigile as aceras
que topei pola mañán
varias arquetas abertas.
Non acaba de sentarse
nese dichoso sillón
e esnafra o coche novo
nunha javia ou valeón.
Xa comentan os veciños
que o puesto vai de cú
ten xente que o rodea
que lle anda facendo vudú.
Pero tea tranquiliño
non vaia se-lo demonio
usté faga repouso
que sigue mandando Antonio.
E seguindo coa actualidade política do concello coristanqués o xulgado do Contencioso administrativo número 4 da Coruña admitiu a trámite a denuncia presentada por Terra Galega contra o pleno da moción de censura que se celebrou o pasado 25 de agosto. A xustiza pide os expedientes administrativos para seguir investigando este polémico asunto.
Terra Galega Coristanco considera esta admisión “un primeiro paso” e agarda que “a lóxica impere neste proceso”.