Información-Axega 112/ Imaxes GES Muros
O helicóptero Pesca 1 evacuou esta tarde un excursionista que resultou ferido mentres realizaba unha ruta de sendeirismo polo Monte Pindo, en Carnota. A vítima é un home de 78 anos, que fracturou unha perna.
Os feitos tiveron lugar nunha zona de acceso complicado para os efectivos de emerxencia, na contorna da pedra do Guerreiro, na zona de Chan de Lourenzo. Segundo indicaron os efectivos de emerxencia ao 112, o rescate por terra resultaba inviable, xa que ao punto onde agardaba a vítima só se podía acceder a pé. Deste xeito, decidiuse mobilizar o helicóptero Pesca 1, que se encargou de trasladar o varón ata o Hospital do Barbanza.
O 112 Galicia recibiu unha chamada dunha persoa particular ás 13:30 horas de hoxe. Segundo indicou, a vítima estaba acompañada doutras dúas persoas.
O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Cee, de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Tamén se alertou ao GES de Muros, a Protección Civil e á Policía Local