O portavoz do PP, David Gómez, asegura que o concello de Zas deberá facer fronte a unha multa de máis de 15.000 euros pola contratación irregular dun socorrista para a piscina municipal.
Piscina de Zas
O portavoz municipal do Partido Popular de Zas, David Gómez, desvelou hoxe que o concello de Zas terán que facer fronte a unha multa de máis de 15.000 euros imposta pola Xunta de Galicia “pola contratación irregular dun socorrista para a piscina municipal”, o que cualifica de “moi grave” xa que se trata “dunha neglixencia e un capricho” por parte del alcalde Manuel Muíño.
“Gustaríanos saber a quen culpa agora o alcalde de todo isto” afirmou Gómez que lembrou que “o rexedor negou no pleno a posibilidade de que o goberno autonómico multase ao concello por contratar a un socorrista” que non cumpría cos requisitos obrigatorios.
Este foi o debate plenario sobre a piscina do pasado mes de agosto
Piden que Muíño abone a multa do seu peto
“O señor Muíño dixo que mentiamos, que a piscina a cerrou o Concello porque quería, que a documentación estaba en regra e que todo era unha invención nosa” apunto o portavoz popular a través dun comunicado de prensa no que pide que o alcalde pague a multa porque “deu o visto e prace á contratación do socorrista, facéndose responsable único das consecuencias que podería carrexar esta situación”.
Neste sentido os populares entenden que “será o señor Muíño o que asuma a súa responsabilidade e faga fronte á multa co diñeiro do seu peto”.
Gómez Brandariz subliñou que “advertimos en numerosas ocasións ao alcalde que os procedementos administrativos deben seguir unha canle legal, que o responsable máximo dun executivo municipal non pode facer o que lle vén en gana e como lle vén en gana porque despois hai consecuencias que pagan todos os veciños”.Desde o PP piden ao alcalde Muíño(BNG) que pida perdón por esta “chapuza”.