@cristóbalmourín//O BNG quere que o alcalde Ramón Vigo explique as contas das Festas da Xunqueira para non repetir “episodios anteriores”.
Este ano as Festas da Xunqueira de Cee viñeron precedidas por unha agria polémica que tivo como protagonistas ao promotor musical José Ferreiro, a comisión de festas e ao propio alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade, pola reclamación dunha débeda do promotor de Negreira que provocou unha confrontación moi forte, que se trasladou aos medios de comunicación. Un asunto que incluso seguirá dando que falar xa que abriu feridas entre a clase política.
Despois viñeron as celebracións do 2017, coas actuacións de Rosana, Los Trogloditas, Black, ou a orquestra Trébol. Unha nova edición dun dos eventos máis potentes do verán da comarca de Fisterra.
Serxio Domínguez preguntará no pleno
Pero como aínda está recente nas memorias toda a polémica anterior, o portavoz municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro, quere que non se “repitan episodios anteriores” e anunciou que vai a pedir explicacións ao alcalde Ramón Vigo no pleno que se celebrará o vindeiro venres 29 de setembro.
Os nacionalistas queren as contas claras e diríxense ao alcalde:“Aínda que esta débeda se lle imputa a comisión de festas de todos é sabido da implicación do alcalde na contratación dos eventos, até o punto de ser él quen contrataba os espectáculos e decidía sobre os mesmos”.