Lupe Blanco cambiou o formato dos pregóns tradicionais coa súa regueifa.
O pregón da Festa da Pataca deste ano saíuse do guión. Non foi a típica intervención, senón que Lupe Blanco sorprendeu aos presentes cunha regueifa que provocou continuos aplausos.
A artista de Montecelo foi presentada polo director de Adiante Galicia:”Desta terra de Coristanco nacen as mellores patacas pero tamén agroman voces cheas de tradición e cultura, como a de Lupe Blanco” afirmou Xosé Manuel Lema.
“Vamos cantala regueifa
e non hai que estar calados
O pregón deste ano
non che estaba preparado”
Na súa intervención, Blanco Vázquez homenaxeou á pataca pero tamén a regueifeiros históricos como Blanquiño do Muíño Seco, Guillermo da Rabadeira ou Fermín da Feira Nova. Non se esqueceu de Asunción Antelo “A Rexoubeira de Bergantiños”.
«Pero haino que dicir
e haino que así honrar
que en cuestión de quince días
a festa fórona organizar».
Nin tampouco escondeu o compoñente retranqueiro destas rimas populares e tivo referencias á moción de censura de Coristanco é ao novo alcalde, Abraham Gerpe, ao que dirixiu boas palabras aínda que tamén aproveitou para pedirlle “que baixe a contribución”.
E incluso cando o alcalde subiu ao escenario para saudar aos presentes, Lupe Blanco, interveu nalgunha ocasión ante os aplausos dun público que agradeceu este formato de pregón.