David Gómez:“Aos veciños obrigámoslles a ter que pagar un vaso ‘ecolóxico nas festas’, pero logo o alcalde sáltase todas as normas e sorpréndenos con que a mellor maneira de reciclar é tirar todo nunha parcela e tapalo con terra”.
O Partido Popular de Zas denunciou hoxe a existencia dun vertedoiro municipal “ilegal e incontrolado” na contorna do campo de fútbol Platas Reinoso de Baio, onde segundo os populares «se poden atopar restos de material de construción, diversos neumáticos, ferros e residuos de todo tipo».
David Gómez:»O alcalde sáltase todas as normas»
“Parece que no Concello de Zas hai dous tipos de política ambiental: unha a que pretende vender o alcalde, e outra a que pon verdadeiramente en práctica” manifestou o voceiro municipal David Gómez, que acusou ao alcalde Manuel Muíño de «enrolarse na bandeira do ecoloxismo» e logo permitir estes depósitos de “calquera maneira e sen control” nunha parcela de titularidade municipal.Gómez Brandariz lembrou que o pasado mes de xuño xa denunciaron a existencia doutro «vertedoiro similar» en Zas.
Para o voceiro popular o alcalde actúa con «demagoxia», e citou o «vaso ecolóxico» usado na Festa da Carballeira. “Ao resto de veciños obrigámoslles a ter que pagar este vaso para cumprir co medio ambiente, pero logo o alcalde sáltase todas as normas e sorpréndenos con que a mellor maneira de reciclar é tirar todo nunha parcela e tapalo con terra” afirmou.
O Partido Popular de Zas insta ao goberno local a tomar cartas no asunto. En caso contrario dará coñecemento ao SEPRONA desta situación.“Igual o señor Muíño di agora que a culpa de todo isto é do Partido Popular que anda buscando os vertedoiros, ou que o asunto non é tan grave como para denuncialo, pero o certo é que os veciños están cansados de mentiras e de que se lles tome o pelo” declarou David Gómez.