9.6 C
Santa Comba
miércoles, diciembre 6, 2023

Pregón de Natalia Lema nas Festas de Baíñas

A escritora e colaboradora de Adiante Galicia, Natalia Lema Otero, foi a encargada da lectura no inicio das festas patronais de Baíñas que se celebran esta fin de semana.

Este é o texto do pregón íntegro // Foto-Paula Mouzo

Veciños e veciñas, que vos encontrades hoxe nesta praza: moi boas tardes. Moitas grazas a Comisión de Festas de Baíñas e a toda a veciñanza por convidarme hoxe a dar o pistoletazo de saída aos días de celebración que nos quedan por diante.

É moi difícil ser obxectiva cando unha ten tantos sentimentos e apego pola súa parroquia. En definitiva falo máis dende o corazón que dende estas palabras suxeitas ao papel.

Baíñas é unha parroquia moi importante non só pola súa ampla extensión senón tamén polos incribles vestixios históricos que conserva. A nosa igrexa, alzándose soberbia por riba das casas do pobo da boa fe disto. De feito o que foi mosteiro e priorato de San Martiño Pinario, (agora en ruínas) tiña unha gran conexión co templo.

Tal é así que no interior aínda están as bancadas dos monxes e no exterior canzorros con motivos eróticos. A finalidade destes era advertir aos fregueses (os nosos antepasados) sobre os perigos dun dos pecados máis grandes: a carne. No medievo como vedes a nosa igrexa de San Antolín de Baíñas foi un punto estratéxico para renderlle tributo a elite eclesiástica. Porque, como recordaran os nosos vellos o pago de indulxencias (chamadas buldas coloquialmente)e tributos en  millo ou ovos mantívose ata fai poucas décadas. Sería aló polo ano 1836 que coa Desamortización que San Martiño Pinario empezaría a perder influencia e xurisdición sobre Baíñas.

E somos guerreiros tamén, podemos presumir disto. Tanto, que en 1809 tivemos un enfrontamento cos franceses que incendiaron a tribuna e a cuberta de madeira da nosa igrexa.

Tamén podemos afondar nas imaxes dos santos. No día 2 celébrase  o día de San Antolín e no 3  honramos a nosa valedora Virxe do Carme. No pasado, durante unhas reformas no 1967 desapareceron varios retablos e o lateral de San Blas pero a estatua do noso patrón mantívose intacta. É unha talla de santo de estilo barroco que data do SXVII e que está engalanada de diácono como é costume con este santo.

Como vedes en Baíñas temos un pasado cheo de historia, os nosos antergos foron auténticos  valentes que loitaron por salvagardar a súa vila.
As nosas festas son en definitiva eses síncope entre a fe aos nosos patróns e, como non, a romaría. Creo que a todos se nos están agolpando recordos das nosas infancias, indiferentemente das nosas idades. Esperábamos ansiosos estas datas, aínda hoxe.Eu era unha das nenas que quedaba ensimesmada coa música dos gaiteiros e as bombas da romaría no patio.Nin que dicir que por Corpus lle explicábamos as mestras que ese día era un día grande para nós coa ilusión de calquera neno feliz de aquelas idades.

O recendo á comida , o ir a misa antes da verbena, o baile…Somos un pobo que loita por seguir coa continuidade das festas e do crecemento de Baíñas. Estamos loitando incluso para que se nos recoñeza a ruta postxacobea do Camiño cara Muxía, avalada por múltiples expertos e que ten como puntos cardinais a Berdoias, Brandomil e Baíñas.A Asociación Os Campelos e Baíñas no Camiño son os artífices en gran medida destas iniciativas. Noraboa.

Pero, verdadeiramente, quen fai posible que continuemos tendo festas sodes vós. Veciños e veciñas que aportan o que poden e o que desexan para que poidamos reunirnos cada ano.

Cada un de vós é o anfitrión para que isto siga adiante. A xente de Baíñas, Outeiro, A Gándara, A Bouza, O Val, Manlle, Sta.Comba, As Cabazas, Padreiro (de Arriba e de Baixo), A Furaca, Rabós e Vilanova. E así mesmo aos comercios, cabe recordar que somos o segundo núcleo do concello con máis servizos, con negocios consolidados e outros emerxentes que nacen do emprendemento. O voso patrocinio e compromiso é fundamental.

Por último creo que tamén é de mérito o que fai esta Comisión e as anteriores. Ir casa por casa , falando, recollendo o diñeiro é un traballo de moito réquiem. E só o fan cunha única finalidade: que Baíñas continúe sendo un referente indiscutible en toda a comarca.
Xa para finalizar este segundo pregón da historia de Baíñas(despois do que dou Santiago Garrido no 2000), dicir que estes días son uns días de festa e felicidade pero creo que cómpre que nos acordemos dos que xa non están, porque os recordos fannos fortes. Nas mesas de todos faltará alguén.

As festas como vedes agora non son de agarrado senón de “reggeaton”. Agora, nin hai que ir en cabalo, nin atravesar de noite brañas e pontes como facían nosos avós.  Sen embargo, hai unha cousa que prevalece aínda: a esencia de seguir festexando xuntos.

En definitiva creo que todos deberíamos de estar moi orgullosos de ser de Baíñas.Non hai mellor lugar que o propio.

¡VIVAN AS FESTAS DE BAÍÑAS!

¡VIVA BAÍÑAS!

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,190SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos