Cúmprese unha semana da moción de censura que lle deu a alcaldía a Abraham Gerpe, apoiado por seis concelleiros do Partido Popular, que no mesmo día anunciaron que pasaban a formar parte do grupo dos non adscritos.
Este venres 1 de setembro, Antonio Pensado Plágaro, Juan García Velo, María Ángeles Eiroa, Clarisa Couto,Emilio Fondo e Luis Souto lanzan unha mensaxe de despedida da conta de Facebook que viñan utilizando como grupo municipal do PP. Aseguran que manteñen os seus principios ideolóxicos pero que nesta ocasión tiveron que antepoñer os intereses veciñais ó partido.
Este é o texto completo da publicación dos xa concelleiros non adscritos.
O primeiro é sempre Coristanco
«Desde sempre a nosa intención foi defender os intereses do pobo de Coristanco. Nas pasadas eleccións municipais de 2015, o Partido Popular pese a gañar as eleccións con doce puntos porcentuais e 525 votos de diferencia sobre a segunda forza política, e situarse ao borde da maioría absoluta, tivo que estar na oposición, tarefa que desde un principio desenvolveu con respecto e carácter positivo.
O goberno do Sr. Amancio foi unha decepción. Asi o acreditan os feitos. Paralización municipal, subvencións perdidas e o abandono de 3 dos 7 concelleiros do equipo de goberno.
Chegou o momento de dar un paso adiante e os seis concelleiros que formábamos o grupo municipal do Partido Popular puxemos a un lado as siglas e calquera tipo de ambición persoal. Porque Coristanco é o que importa.
Os nosos principios ideolóxicos non cambiaron. Seguen vixentes. Pero houbo que antepoñer os intereses de Coristanco. E comezamos unha nova etapa como concelleiros non adscritos, coa vontade de sacar a este concello da parálise e o retroceso. Estamos convencidos de que o paso dado será beneficioso para os nosos veciños. Imos a traballar para conseguir estes obxectivos de progreso e benestar.
Por este motivo, queremos hoxe dar as grazas a tódalas persoas que nos seguiron nesta páxina de Facebook, na que desde hoxe e por respecto ao Partido Popular non imos a participar».