Desde Tega teñen claro que a citada moción de censura “obedece máis a intereses particulares que o ben de todos os veciños de Coristanco”.
Unha moción que obedece “a intereses particulares”
A dirección nacional de Terra Galega insta a Partido Popular e ao Partido Socialista “a que tomen as decisión oportunas” para que a moción de censura presentada en Coristanco e prevista para o seu debate o vindeiro venres 25 de agosto, non vaia adiante.
Neste senso o PSOE xa emprazou ao seu concelleiro, Abraham Gerpe a retirar o escrito, aínda que este demandou explicacións da agrupación local que coordina Aurelio Sánchez Seoane.
Desde Tega teñen claro que a citada moción de censura “obedece máis a intereses particulares que o ben de todos os veciños de Coristanco”.A dirección nacional do partido ao que pertence o alcalde Amancio Lavandeira Suárez, mantiña este xoves unha xuntanza para analizar este asunto de máxima actualidade.
Auto xudicial e resultados económicos
Para Terra Galega a moción de censura está xustificada en base “a incongruencias e falsos argumentos” e inciden que se presentou despois de coñecerse o auto xudicial no que se mantén a investigación sobre o exalcalde popular Antonio Pensado Plágaro, que é un dos asinantes da moción.
Tamén engaden que días antes da súa presentación, o alcalde Amancio Lavandeira daba conta ante a prensa “dos bos resultados económicos do último exercicio que permitiría a liquidación total da débeda do concello de Coristanco”.
Comparecencia de Amancio Lavandeira o vindeiro luns
O alcalde de Coristanco convocou aos medios de comunicación a unha rolda de prensa “para aclarar diversos aspectos dos motivos da moción de censura”.
Será o vindeiro luns,21 de agosto, as 12,00h no salón de actos do edificio de servicios múltiples do concello de Coristanco.