O goberno de Santa Comba acaba de licitar as obras para a adecuación da contorna do CEIP Barrié de la Maza que contan cun orzamento de 175.666 euros e un prazo de execución de tres meses.
Rematar co feísmo nunha zona de Santa Comba
Segundo o executivo que preside María Pose “este proxecto suporá rematar co feísmo e a deterioración da zona escolar onde se atopan o IES Terra de Xallas, a gardería municipal e o CEIP Barrié de la Maza”.
Tamén destacan que se trata “dunha antiga demanda” da comunidade educativa que permitirá “unha maior seguridade para o alumnado, profesores e familias”.
A actuación consistirá na demolición das antigas vivendas dos mestres e “de parte do muro do colexio ao obxecto de aumentar o ancho das beirarrúas” co adecentamento da contorna con novas beirarrúas e cunha nova pavimentación, así como colocación de farolas, unha varanda de protección e a correspondente sinalización horizontal e vertical, entre outras melloras.Esta actuación pertence ao POS + 2017.
Melloras na rede viaria
Desde o concello tamén informan da licitación do proxecto de “mantemento do firme no camiño de Picotos a Varilongo e o de Santa Sabiña” cun orzamento de 69.983 euros.
Ademais abriuse o proceso de licitación para a subministración dun tractor con destino á mellora medioambiental cun orzamento de 68.635 euros.