O concello de Dumbría habilita un novo espazo verde en Berdeogas, preto da emblemática carballeira.
Facer máis visible a Carballeira de Berdeogas
A beira da estrada AC-441 loce orgulloso un novo espazo que pon en valor unha parroquia que xa de por si conta cun potente patrimonio cultural. Unha nova área presidida polas bandeiras de Dumbría, Galicia, España e Europa.
“Queríamos facer visible a Carballeira de Berdeogas” coméntanos o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro. E desde o concello puxéronse mans a obra, e despois de adquirir uns terreos próximos e mediante o Plan de Medio Ambiente de Deputación habilitaron unha nova zona verde, ben visible xa que está a carón da estrada que atravesa esta localidade.
Unha completa actuación na contorna
A actuación, que contou cun investimento aproximado de 80.000 euros, non só se centrou en contar cun novo espazo “verde” conectado coa carballeira, senón que tamén se dotou dunha fosa séptica para a depuración de augas residuais e de servizos para a limpeza autocaravanas.
Todo isto con aparcamento e beirarrúas que precisamente comunican coa emblemática “Devesa da Lúa”, esa carballeira fermosa, con merendeiro, parque infantil e outros servizos perfectamente habilitados.
XVII Festa da Familia
O domingo 30 de xullo celébrase nesta paraxa a XVII Festa da Familia cun xantar ao aire libre, acompañado pola música das orquestras Trébol e Panamá e dos grupos folclóricos A.C.D.R. As Neves de Buxantes, gaiteiros de Buxantes, O Verán e o grupo de baile “Airiños do Río Grande”.







