Catro días de marcha a pe para rematar cunha manifestación o vindeiro sábado na Capital de Galicia.
Uns setenta traballadores de Ferroatlántica iniciaron este mércores unha marcha a pe ata Santiago, coa que pretende reiterar a súa oposición á venda das centrais hidroeléctricas, como pretende Ferroglobe. Nesta primeira etapa camiñaron desde Cee ata a localidade da Picota, no concello de Mazaricos, nun traxecto de 25 quilómetros.
Nesta andaina participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que aproveitou para facer un chamamento de cara a manifestación prevista para o sábado, e que sairá as 12 do mediodía desde a Alameda: “Teño para min que está é unha mobilización importante porque estamos na fase final deste debate, e se hai un proceso participativo amplo, unha ampla mobilización pronto teremos boas noticias, daremos un desgusto a Vilar Mir e gañaremos todos os galegos e as galegas” sinalou Pontón.
Tamén asistiu o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro. Este xoves irán desde A Picota ata Negreira camiñando ao longo de 26 quilómetros. Os alcaldes da Costa da Morte tamén expresaron o seu apoio a manifestación sábado e as reivindicacións do Comité de empresa de Cee e Dumbría.
O portavoz do comité de empresa, Alfonso Mouzo, pensa que agora “queda un último empuxón a ver se facemos ver ao presidente da Xunta que cos postos de traballo da comarca non se xoga”.
Declaracións de Alfonso Rueda
Pola súa banda, o Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda insistiu hoxe en que “hai un marco legal que hai que respectar e do que non nós podemos saír, cunhas garantías que hai que establecer respecto ao mantemento da actividade e dos postos de traballo”.
Rueda manifestou que “a resolución da Xunta de Galicia teñan por seguro que irá nese sentido fora de calquera tipo de presión, veña de quen veña”.