Debate sobre a confraría de Malpica no Parlamento de Galicia.
Susana Rodríguez Carballo- Xunta
Xosé Manuel Lema
A Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, asegurou que “teñen que ser os propios armadores os que teñen que buscar o tipo de entidade que os represente” e coa “vontade dos socios” adoptar medidas para “adecuar os gastos” e conseguir que o colectivo sexa “sostible no tempo”.
Rodríguez Carballo interviu en comisión parlamentaria para responder ás preguntas da deputada socialista Loli Toja, que se interesou polo posicionamento do goberno galego ante “ a situación complicada” da confraría de Malpica en “perigo de supervivencia”.
A Directora Xeral tamén se referiu á necesidade da actividade da lonxa local:”Se esta confraría tivera unhas vendas en lonxa tería un soporte económico suficiente para atender aos gastos”. Desde a consellería do Mar lembraron que non se executou o plan de viabilidade realizado no ano de 2011.
Rodríguez Carballo lembrou que na actualidade á consellería “non lle corresponde a análise das contas nin o control da a súa actividade mercantil” e expresou o seu convencemento de que os mariñeiros de Malpica “son capaces” de reverter a situación.
Loli Toja-PSdeG
“Está toda Malpica pendente do que vai pasar coa confraría”
A deputada do PSdeG criticou a “deixadez de funcións” da consellería do Mar.”O que se fixo non serviu para moito porque a confraría vai a peor” sinalou Loli Toja que fixo balance dunha entidade “cunha débeda que non para de crecer” e cuns acredores que teñen na súa maior parte carácter público como a Seguridade Social ou Portos de Galicia, polo que pensa que a administración debería “sentarse e falar para sacar adiante un plan de viabilidade”.
Estas débedas coa administración impiden ademais optar a subvencións o que sitúa a confraría malpicán “nun bucle do que é difícil saír”.Toja Suárez tamén falou da situación dos empregados que “veñen dun ERE que está a punto de vencer, xa se fixeron algúns despedimentos e desde o mes de marzo os traballadores xa non perciben as súas retribucións” e polo tanto “non hai un funcionamento normal” da entidade.
“Está toda Malpica pendente do que vai pasar coa confraría” manifestou Loli Toja que considera que a Xunta de Galicia si pode aportar algunha solución neste complexo asunto.