Terra Galega de Coristanco lamenta o abandono dunha concelleira pero mantén o seu compromiso co “proxecto de cambio”.
“Profunda indignación” polo abandono dunha concelleira
O grupo municipal de Terra Galega quixo expresar a súa “profunda indignación” e sorpresa polo abandono da concelleira Verónica Facal.
Aseguran que as discrepancias que había eran “as normais en calquera equipo de traballo” e que a edila sempre tivo plena autonomía para tomar as decisións que considerou oportunas na súa área e sempre foron valoradas positivamente”.
Desde Tega afirman que “desde hai un tempo, sabíamos da existencia de certas presións e escuras maniobras para desestabilizar o goberno municipal” pero non agardaban “unha traizón” por parte da xa excompañeira de grupo.
Tega afirma que ten moi claro o seu rumbo
“Pero está claro que ante as adversidades, as persoas reaccionan de diferente maneira: hai quen se sobrepón e segue adiante, e hai quen simplemente abandona e busca unha situación máis cómoda e máis axeitada aos seus intereses” explican nun comunicado de prensa.
Recoñecen que o abandono “complica a situación do goberno municipal” e vai supor un “maior esforzo” para os catro concelleiros (incluído o alcalde) que quedan no partido.
Terra Galega ratifica o seu compromiso “co proxecto de cambio” e manifesta ter “moi claro o noso rumbo, invariable, hacia un concello mellor”. Tamén sinalan que “tanto ela coma nós éramos conscientes de que cambiar 24 anos de desgoberno non ía ser unha tarefa doada, e moito menos, rápida”.
Lembran as circunstancias nas que se encontra o concello de Coristanco pero insisten en que seguen adiante co seu proxecto político “iniciado fai dez anos”.
A actualidade no Verxel de Bergantiños ven marcada tamén polo denuncia presentada por outra concelleira de Terra Galega, Laura Tasende, que dixo ser vítima dun intento de suborno.