Sandra Vilela:“O que non podemos consentir é que Muxía quede sen esta festa e que o Concello mire para outro lado”.
Moción para que o concello asuma a organización
A romaría da Nosa Señora da Barca de Muxía, declarada de interese turístico nacional, ten unha importancia que supera os límites municipais e comarcais.No mes de setembro é unha cita obrigada e tradicional para milleiros de persoas devotas da Virxe, e tamén para moita xente que se achega a vila do Monte do Corpiño para gozar dunhas datas de festa rachada.
Ante o atraso en conformarse unha comisión de festas para organizar este evento, a voceira do Partido Popular, Sandra Vilela, ven de anunciar a presentación dunha moción no rexistro municipal, na que insta ao concello a que se comprometa a organizar a vindeira edición das Festas da Barca.
Os populares culpan ao alcalde Félix Porto de querer “lavarse as mans” ante esta situación. “O señor Porto ampárase para non organizala en que o Concello non pode cobrar ningún canon aos chiringuitos que se instalan na zona portuaria” sinalan. Consideran que é unha escusa e a decisión e “puramente política”.
“Non podemos consentir que Muxía se quede sen festa”
Para Sandra Vilela se o concello pode organizar a Festa do Congro tamén pode facer o mesmo coa Festa da Barca “incluso achegando fondos públicos para iso”.
A voceira do PP muxián manifesta que “O que non podemos consentir é que Muxía quede sen esta festa e que o concello mire para outro lado. Estamos a falar dunha cita con moita tradición, que atrae a xente de todos os lugares de Galicia ao noso municipio, e que ten un impacto económico fundamental na economía local”.
A última comisión organizadora destas festas xa comunicara recentemente ao alcalde, Félix Porto, que non continuaría encargándose deste evento que se celebra no mes de setembro.