Case Trescentas persoas participaron na última etapa do ciclo de andainas Coñece a Costa da Morte.
As persoas amantes do sendeirismo da bisbarra déronse cita en Mazaricos para completar o ciclo de Andainas Coñece a Costa da Morte. Como en edicións anteriores, promoveron a iniciativa os concellos de Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.
Así, case 300 persoas de 9 localidades déronse cita na Casa do Concello para iniciar a Ruta da Pontenova. Un dos puntos máis fermosos foi a subida ao mirador de Corzón, onde os camiñantes puideron ter unha vista privilexiada da contorna e do Encoro da Fervenza.
O punto de descanso foi o complexo recreativo da Pontenova, sobre o río Beba. As persoas participantes puideron facer un descanso e contemplar a ponte Medieval con arco de medio punto e dous vans. Tras percorrer os 13km de roteiro circular, á 1 da tarde, como estaba previsto, fixeron entrada na Picota, onde aínda puideron disfrutar dos produtos expostos na feira que se estaba a celebrar.
O percorrido desenvolveuse sen incidentes grazas ao traballo dos efectivos de Protección Civil do Concello. Para o alcalde, Juan José Blanco Riveiro “este tipo de iniciativas entre Concellos son moi importantes para coñecer e formarse na túa propia contorna que, moitas veces, é descoñecida, cando podes ter paraxes fermosos moi preto da casa”.