O BNG denuncia a paralización do novo procedemento para adxudicar o servizo de limpeza e a concesións de axudas “a dedo” á empresa que se encarga do servizo de axuda no fogar.
No pleno do pasado mércores, no que como informamos aprobouse a conta xeral 2015, a edila Laura Mariño denunciou a situación do servizo de Axuda no Fogar que suscitou un gasto de 120.000 euros nun ano a unha empresa “sen ningún tipo de procedemento”. Segundo o BNG a empresa foi receptora de “tres subvencións a dedo”.
Con respecto ao servizo de limpeza municipal, a concelleira desvelou que a falta de contratación está provocando o pago de horas extras, en abril un total de 3.700 euros, para poder cubrir o servizo.O alcalde coristanqués explicou que están traballando “nese procedemento” e só falta un informe de intervención para poder abrir a licitación, e mentres tanto “houbo que recorrer ás propias traballadoras do concello”.
Desde o BNG, incidiron nas deficiencias que existían e “nos servizos que non se prestaron”. Para Laura Mariño “pagar horas extras é o camiño máis fácil”. A edila asegurou que o procedemento de licitación levaba parado máis de tres meses..
Amancio Lavandeira agarda que non tarde en realizarse a nova adxudicación e está convencido de que se “ven mellorando o servizo que antigamente se estaba prestando”.
O alcalde asume competencia da xunta de goberno
A voceira do BNG tamén fixo fincapé na asunción de competencias da xunta de goberno local en materia de xestión económica e contratación por parte do alcalde.”Queremos ir corrixindo a forma de contratar e para axilizar o pago de facturas asumíronse esas competencias que o alcalde sempre tivo” respondeu Lavandeira.
Os socialistas tamén se interesaron pola organización de festas sen licencia. Desde o goberno aclararon que estes permisos seguen un procedemento, aínda que si era certo que algunhas asociacións “esperan á última hora” e logo podía haber problemas.
Sen dereito a réplica
Amancio Lavandeira respondeu ás preguntas do PP que se presentaran por escrito, informando sobre o litixio xudicial con Aquagest “que está aberto”, a execución do POS 2015 “que aínda non está adxudicado” ou sobre a situación do alumeado no concello. Os populares non puideron ler as súas preguntas xa que o alcalde entendeu que eras as mesmas que da anterior sesión e que xa foran expostas, algo negado polo PP.
No treito final tanto Antonio Pensado(PP) como Laura Mariño(BNG) quixeron intervir e protestaron, sobre todo a concelleira nacionalista, porque o alcalde decidiu levantar a sesión, que chegou a definir a situación de “ditadura”.