A tenente de alcalde do concello de Camariñas, Sandra Insua Rial(PSOE) interpuso unha denuncia contra o veciño que supostamente gravou unha conversa telefónica e polo uso que “está a facer o Partido Popular da mesma”.
Esta é a nota de prensa íntegra difundida polo concello de Camariñas.
A Concelleira de Promoción do Encaixe interpón denuncia pola gravación ilegal difundida polo PP de Camariñas
Sandra Insua acudía esta maña diante da Garda Civil para facer oficial a interposición dunha denuncia en relación cos graves feitos acaecidos nos últimos días e polo acoso do que está sendo obxecto.
Na súa denuncia, a edil de Promoción do Encaixe e Igualdade, relata de que xeito o denunciado, o veciño de Camariñas que supostamente gravou unha conversa coa concelleira na que lle pide contas pola non consecución dun posto como peón, tentou poñerse en contacto con ela en repetidas ocasións para, finalmente, lograr contactar con ela en Setembro do pasado ano.
Insua Rial fai un relato preciso do xeito en que este home amosa o seu enorme malestar por non ter sido elixido para o posto. A concelleira non dou maior importancia a ese malestar ata coñecer, en Abril deste ano, da existencia da citada gravación e de como esta estaba a circular pola vila.
A pesares disto, a edil non considerou necesario denunciar os feitos ata que, esta pasada semana, soubo da publicación en prensa e redes sociais da conversa obtida ilegalmente, e do uso que o Partido Popular en Camariñas estaba a facer da mesma.
Sandra Insua tamén da a coñecer neste escrito da existencia de numerosas publicacións en redes sociais coma Facebook ou Twitter onde é insultada gravemente por persoas que usan estas plataformas para difundir graves acusacións sen fundamento e con absoluto menoscabo da súa imaxe coma responsable municipal e coma persoa. As dilixencias foron remitidas xa pola Garda Civil ao Xulgado de Instrución de Corcubión.