O deputado socialista e alcalde de Dumbría defendeu unha moción en contra da segregación de Ferroatlántica que foi aprobada no pleno da Deputación.
A Deputación provincial da Coruña tamén se opón a segregación das actividades de aproveitamento hidráulico e de produción de ferroaliaxes, e así se aprobou hoxe froito dunha moción defendida polo deputado socialista e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro, e que obtivo o apoio de PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular, que presentou unha enmenda ao texto, que non foi respaldada.
“O motor económico da comarca de Fisterra, de Cee e Dumbría, é esta fábrica”
“O motor económico da comarca de Fisterra, de Cee e Dumbría, é esta fábrica”, afirmou José Manuel Pequeño, que lembrou que a implantación da compañía hai un século na zona fíxose “polo seu gran potencial enerxético” e que, dende entón atravesou momentos de crise coma o que se produciu no ano 92 “cando nos ameazaron con que se non se deixaba vender por separado, pechaban as fábricas”.
“Hoxe estamos outra vez ante a mesma chantaxe.Se Fraga e Cuíña non o permitiron, tampouco o debería permitir Feijoo” manifestou Pequeño Castro que non descarta que se convoque aos alcaldes da Costa da Morte «para unha folga na comarca ou unha manifestación ante a Xunta” en defensa dunha fábrica “que levamos no noso ADN e que é fundamental para a nosa supervivencia”.
Na mesma liña se pronunciou o presidente da Deputación,Valentín González Formoso, que lembrou que a concesión hidroeléctrica outorgada no seu día a Carburos Metálicos e actualmente titularidade de Ferroatlántica, xa vinculaba o aproveitamento hidráulico á produción ferroaleacións. Para Formoso “o Estado non pode perder a súa capacidade supervisora nas poucas ocasións nas que pode garantir os postos de traballo”.
O deputado do BNG e alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, destacou a relevancia da factoría na zona e asegurou que a oposición a segregación que pretende a dirección do Grupo Villar Mir “é un clamor en toda a Costa da Morte”.O voceiro do PP, Agustín Hernández, plantexou unha emenda ao texto,na que expresaba o rexeitamento “a calquera operación que poña en risco o mantemento da actividade e do tecido produtivo arredor das ferroaliaxes na nosa provincia”.
Hernández considerou que “pedir a non segregación sen máis é un exercicio de fariseísmo político” porque “o que é legal, é legal” e pediu “medidas que garantan o mantemento da actividade industrial na zona”.A través desta moción aprobada hoxe, a Deputación da Coruña únese as reivindicacións comité de empresa de Ferroatlántica, solicitando á Xunta de Galicia que non autorice a segregación solicitada pola empresa Ferroglobe. O acordo será trasladado tanto ao presidente da Xunta coma ao conselleiro de Industria.
Fonte- Redacción AG- Deputación A Coruña