En quince días estará feito o dictame xurídico sobre a petición de Ferroatlántica. O goberno pide deixar traballar aos técnicos para adoptar unha decisión “garantista”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, mantivo unha xuntanza cos alcaldes da Costa da Morte enmarcada segundo a Xunta “dentro do compromiso de diálogo permanente e máxima transparencia durante a tramitación administrativa da solicitude presentada por Ferroatlántica”.
Feijóo mantivo a liña argumental defendida nas últimas datas polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que tamén estivo na xuntanza, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro.
Segundo fontes do goberno galego,, Alberto Núñez Feijóo “non variou en ningún momento a súa posición, e seguirá estando ao lado da lei e dos traballadores e alcaldes”. Insistiu na necesidade do cumprimentos estrito da lei, salvaguardando o interese público da concesión e garantindo o mantemento da actividade industrial.
Para o titular da Xunta agora cómpre deixar traballar aos técnicos e aos servizos xurídicos, que están analizando a documentación presentada por Ferroatlántica. Tamén Francisco Conde destacou que agora mesmo “estamos nun escenario puramente xurídico” e onde se tomarán decisión axustadas á lei.Neste encontro estiveron os alcaldes de Cee, Fisterra, Corcubión, Muxía, Camariñas,Zas, Mazaricos , Carnota e o tenente alcalde de Dumbría.
En declaracións aos medios de comunicación o alcalde de Cee, Ramón Vigo, destacou a posición da Xunta de manter informados aos alcaldes e expresou as súas dúbidas de que si se permite a segregación se poida manter a actividade industrial da empresa.Pola súa banda, o tenente alcalde de Dumbría, José Antonio Casais, está convencido que as centrais son ”un seguro” para o mantemento dos postos de traballo.