Asistiron ao acto o alcalde, Manuel Antelo, e os portavoces do Partido Popular, PSOE e Terra Galega.
A escola do Outeiro acolleu o pasado sábado a presentación pública da asociación cultural “Baíñas no Camiño”, que se creou no último ano co obxectivo de traballar pola protección do patrimonio cultural desta parroquia do concello de Vimianzo.
O colectivo recibiu o apoio público por parte do alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos e tamén dos portavoces do PP, PSOE e Terra Galega, Raquel Rodríguez, Paula Mouzo e José Manuel Rodríguez Blanco “Roque”.Con motivo desta presentación “Baíñas no Camiño” sumou cincuenta novos socios.
Recoñecemento da ruta post-xacobea a Muxía por Baíñas
Nesta reunión veciñal aberta, os directivos explicaron o traballo que están desenvolvendo en relación “ao Camiño Real de Santiago a Muxía” conxuntamente coa asociación Grandimirum de Brandomil, e as entidades veciñais de Berdoias(Vimianzo), San Cosme de Antes(Mazaricos) e A Pereira(Santa Comba).
Ademais de falar sobre “o contexto do Camiño de Santiago en xeral e da recuperación da ruta post-xacobea a Muxía por Baíñas”, tamén se describiu a historia do mosteiro cluniacense de Santo Antoíño.
Desde “Baíñas no Camiño” animouse á xente a participar nas actividades que se organicen “como é o caso da andaina que comezou o 29 de abril en Compostela e que continuará o 13 de maio ata Brandomil, sendo a 3ª etapa de Brandomil a Berdoias o 20 de maio e a última de Berdoias a Muxía o sábado 27 de maio”.Queren o apoio veciñal porque están convencidos de que “a unión é fundamental para conseguir os obxectivos”