Ana Pontón visibiliza o seu apoio aos traballadores de Ferroatlántica nun encontro cos alcaldes de Mazaricos, Carnota e Zas.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo unha xuntanza en Carnota cos alcaldes do BNG na zona. Alí estaban os rexedores de Mazaricos, Juan Blanco, Carnota, Ramón Noceda e Zas, Manuel Muíño.
A intención da visita de Pontón era volver a poñer no centro do taboleiro a situación de Ferroatlántica, expresar de novo o seu apoio ós traballadores e e visibilizar a necesidade de que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, se reúna cos axentes sociais e políticos da Costa da Morte para falar sobre Ferroatlántica.
“Pasaron moitos meses desde a última reunión en novembro de Núñez Feijóo cos alcaldes de todos os concellos implicados, o comité de empresa leva tamén meses petando na porta da Xunta par manter un encontro co conselleiro de Industria e como resposta so vemos un silencio que non axuda a calmar os ánimos senón que introduce máis incerteza sobre o futuro das plantas” manifestou Pontón.
Desde o BNG consideran que o presidente da Xunta debería reunirse con todos os axentes políticos e sociais da Costa da Morte e “mandar unha mensaxe moi clara, a que están esperando miles e miles de persoas en todos os concellos afectados: Que as centrais do Xallas nin se venden, nin se segregan”.
A vindeira semana o pleno do Parlamento de Galicia debaterá unha proposta do BNG para a creación dunha comisión de investigación que analice as concesións públicas ás empresas do Grupo Villar Mir.
Esta iniciativa provocou as críticas do PSdeG. Para o seu voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga estamos ante “un pura posición propagandística” e de “populismo fácil”.Para Ana Pontón“O PSOE ten unha especie de síndrome de Estocolmo co PP, que espero sexa capaz de superar porque nin o entendo, nin o comparto”.