Segundo os populares “os enchufes teñen os cables soltos, o secador non funciona e as duchas son as mesmas que se colocaron hai vinte anos”.
O portavoz do Partido Popular de Zas, David Gómez Brandariz, denunciou o “lamentable” estado de abandono no que se atopan as instalacións do polideportivo de Baio, froito das queixas recollidas de “moitos veciños”, que como os alumnos do instituto baiés tiveron que “soportar” estas deficiencias durante a celebración dun torneo de fútbol-sala a fin de semana pasada.
David Gómez alerta do risco que as deficiencias supoñen para a seguridade dos usuarios. Segundo os populares “os enchufes teñen os cables soltos, o secador non funciona e as duchas “son as mesmas que se colocaron hai vinte anos”.
Desde o Partido Popular de Zas piden ao alcalde Manuel Muíño que adopte as “medidas necesarias” para solucionar este problema: “Confío en que non teñamos que agardar a que suceda algunha desgraza para buscar unha solución”dixo o voceiro popular, que propón que se realice un inventario municipal que recolla “o estado das instalacións e os edificios de titularidade municipal”.
Carballeira de Zas
Nun mesmo comunicado, David Gómez, suxeriulle ao alcalde que “deixe de crear problemas onde non os hai”, en referencia á compra ou expropiación das carballeiras de Zas e de Baio, e que invista o diñeiro de todos os veciños en emendar os “verdadeiros problemas” que existen no municipio.