“O Presidente igual pensa que somos pouca cousa para el”. Desde a Mostra do Encaixe lamentan o desprezo da Xunta de Galicia con esta veterana feira.
Para a organización da Mostra a Xunta despreza a Camariñas
A concelleira delegada da Mostra do Encaixe de Camariñas e tenente de alcalde, Sandra Ínsua(PSOE), foi moi crítica coa Xunta de Galicia no acto de clausura do tradicional evento que se celebra cada Semana Santa, e que é “a cita mais importante do ano para moitos de nós, non así para a Xunta de Galicia que ano tras anos despreza a Camariñas e ós seus veciños”.
Acusou ao goberno galego de ignorar “as reiteradas invitacións” feitas desde o concello, de actuar con “falta de responsabilidade” e dun xeito sectario.
Coas súas verbas non quixo criticar só a falta de apoio económico por parte da Xunta senón tamén a falta de presenza institucional na feira internacional, que segundo a concelleira limitouse “a extraordinaria responsabilidade persoal e administrativa” da Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e da directora do Centro Galego de Artesanía, Teresa Fabeiro.
«Polo menos un conselleiro»
“Nunca vin un cargo público inaugurando a Mostra e xa levo uns cantos anos” dixo Ínsua Rial que lamentou que non asistira “polo menos un conselleiro, xa non digo o Presidente que igual pensa que somos pouca cousa para el”.
Tamén tivo unha alusión para o Partido Popular local que días antes se queixou que non fora convidado:”Hai quen pregunta porque non foi convidado mentres outros acoden a axudar sen precisar chamada nin convite”.
En cambio, Sandra Ínsua si destacou o “importante apoio” da Deputación provincial e de distintas firmas comerciais que fan posible manter “esta illa de traballo e dedicación”, xunto co traballo dos voluntarios. Tamén destacou e quixo homenaxear as auténticas protagonistas da Mostra, as nenas da escola municipal de palillo, que son o futuro desta histórica tradición artesá.
Polo demais a valoración desta Mostra foi moi positiva, xa que xunto cos milleiros de persoas que se achegaron a Camariñas, tamén se estableceron contactos comerciais.“Unha das Mostras máis bonitas que se recordan” explicábase desde as redes sociais da organización da XXVII Mostra do Encaixe. Un ano máis os desfiles volveron a ser o grande atractivo desta feira.