Os efectivos de emerxencia reflotaron esta madrugada un barco afundido no porto de Muxía. A embarcación, denominada Hermanos Sambad , foi a pique ás 3:00 horas desta madrugada, tras sufrir unha vía de auga.
O 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través dos efectivos de Protección Civil. Segundo explicaron, no momento do afundimento non había ninguén a bordo do barco.
O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou dos feitos a Salvamento Marítimo, que enviou ao lugar a embarcación Salvamar Altair. O afundimento tamén foi posto en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil.
Contra as 5:00 horas desta madrugada os efectivos mobilizados conseguiron reflotar a embarcación. Quedou amarrada no porto, ata onde se desprazou o seu patrón para facerse cargo da situación.