O BNG vota a favor dun orzamento “cunha inversión importante”. O Partido Popular optou pola abstención e non se pronunciou no salón de plenos.
O concello de Zas aprobou o orzamento municipal para o 2017 cos votos a favor do BNG. O alcalde Manuel Muíño presentou “un orzamento “cunha inversión importante, controlando o gasto de persoal e o gasto corrente” e que rexistra “un gran esforzo económico” en distintas partidas e un “crecemento adecuado e prudente”.
As inversión reais crecen con respecto ao 2015
Destacou o crecemento da partida de inversións reais que pasa de 576.885 a 981.842 euros, pero tamén o apartado de promoción social e a redución do gasto corrente e tamén da capítulo de persoal aínda que “este ano imos a contratar bastante xente”.
Entre os investimentos máis importante están os 176.000 euros para a substitución do céspede artificial do campo de fútbol de San Andrés, en Zas, os 150.000 euros para iniciar a construción do Tanatorio de Zas, ou os 50.000 euros para a compra dos terreos das carballeiras de Zas e Baio. Pero sen dúbida o gran protagonista destes orzamentos son as melloras nas vías de comunicación cuns 384.000 euros en distintas actuacións.
O goberno local tamén adquirirá un tractor, un camión con grúa basculante, reparacións dos pavillóns de Baio e Zas(36.662 euros), e promoverá un proxecto de sinalización turística con contidos dixitais accesibles(26.378 euros).
O concello de Zas tiña as contas prorrogadas. Na exposición plenaria, Muíño Espasandín, valorou a mellora que supón para a “autonomía dos concellos” o chamado Plan Único da Deputación provincial coruñesa.
O orzamento de Zas
Total 3.867.617 euros
Inversións reis- 981.842 euros- 25,39%
Gastos de Persoal- 958.105 – 24,77%
Gastos correntes- 1.799.120 – 46,52%
O portavoz do Partido Popular, David Gómez Brandariz, non interviu na súa quenda e optou pola abstención. En rogos e preguntas sí se interesou por algunhas partidas do orzamento aprobado hoxe.