O presidente da Deputación participa nunha charla este venres organizada polo PSOE local. O organismo provincial iniciou os traballos na senda peonil de Castriz, en Santa Comba.
Charla este venres na Baña
O presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso participará o vindeiro venres 31 de marzo nunha charla organizada pola Agrupación Socialista da Baña a partir das 9 da noite na Casa da Cultura.
Estará acompañado polo deputado Antonio Leira e polo responsable do PSOE local, José Antonio Pereira Gil. Na charla informarase sobre “as bases reguladoras do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades durante o ano 2017”. A agrupación socialista local xa organizou varias charlas similares.
Neste concello o vindeiro mércores 5 de abril terá lugar o pleno ordinario da corporación local. O voceiro de Compromiso por Galicia, César Ramos, presentou esta semana unha moción na que insta ao goberno local a a elaborar «un proxecto de Regulamento Orgánico Municipal e sometelo ao Pleno da Corporación para o seu debate e aprobación».
Obra en Castriz – Santa Comba
Por outra parte desde a Deputación informaron do inicio das obras de construción dunha senda peonil na estrada DP-2904 que une Santa Comba con Coristanco, na súa marxe esquerda, entre o camiño de acceso á fervenza de Castriz e o comezo das beirarúas xa existentes do núcleo do mesmo nome.
O proxecto conta cun investimento de 248.156 euros e un prazo de execución de catro meses. Construirase a senda sobreelevada cun bordo de formigón cun ancho de dous metros, o saneo nunha profundidade variable entre 86 e 81 centímetros, recheo cun espesor de 70 centímetros e pavimentación posterior da calzada.Para a drenaxe das augas pluviais, contémplase a construción dunha rede de tubos de formigón, que discorrerán baixo a senda peonil segundo informan desde o goberno provincial.