Aurelio Núñez aposta por “un bo candidato” e un “equipo forte” para que o PP poida gobernar o concello de Carballo.
“O que me gusta é a política local”
O deputado autonómico Aurelio Núñez Centeno é o novo voceiro do Partido Popular de Carballo. Asegura sentirse “moi ilusionado” porque “o que me gusta é a política local» e aínda que non descarta ser o candidato deixa claro que a súa misión “é dirixir o grupo municipal”.
En declaracións a Adiante Galicia, Núñez Centeno pensa que é posible unha alternativa ao BNG: “Se o 49% dos carballeses votan ao Partido Popular noutras eleccións non hai razón para que non nos voten nunhas eleccións municipais se facemos un bo traballo”.
Un equipo forte e ilusionado
O seu obxectivo é “recuperar a moita xente que perdeu a ilusión” e “traballar todos xuntos” para recuperar a alcaldía a marxe do futuro do propio alcalde Evencio Ferrero:”Cando se remate a lexislatura cumprirá 16 anos como alcalde, non sei se repetirá pero non me importa o que faga o BNG, senón ter un bo candidato e un equipo do PP forte”.
Lembra que o BNG accedeu a alcaldía “por unha serie de circunstancias que todos lembramos” cando estaba nun mal momento e tiña seis concelleiros, e que esa etapa provocou o desencanto nas bases populares.
Valorou positivamente o traballo do anterior portavoz, Miguel Ferreiro e asegurou que a pesar do esforzo “sopraba o vento en contra”. Agora pensa que as cousas mudaron e que hai posibilidades reais dun cambio político na capital de Bergantiños.
Aurelio Núñez Centeno tomaba posesión da súa acta de concelleiro na sesión deste luns, onde tamén asumía a portavocía municipal a fronte dun grupo composto por cinco concelleiros.Recibiu os parabéns do rexedor Evencio Ferrero despois de xurar o seu novo cargo. Retorna ao salón de plenos municipal.
Foto portada-Arquivo Adiante- Fotos interiores-Concello de Carballo