Aseguran que os informes que teñen desmontan as mentiras do portavoz socialista ao que acusan de estar en contra das melloras da contorna do Barrié:” Está a tratar de que se anule presentando recursos”.
O departamento de Servizos Sociais, Muller e Igualdade de Santa Comba emitiu un comunicado no que responde ás afirmacións feitas polo voceiro socialista José Antonio Ucha ao que acusan de “mentir e terxiversar”.
Como mostra comentan que dispoñen de informes da traballadora social, educadora familiar, funcionaria de persoal e brigada de obras que “desmontan as acusacións vertidas por este señor nos medios de comunicación”.
Desde a concellería que preside Esther Espasandín, afirman que no servizo de axuda no fogar os baremos son os mesmos, a lista de espera reduciuse e houbo 17 novas altas.
Ler a nota completa desde este enlace
Tamén informan que se repartiron alimentos “entre familias que solicitaron axuda e que contan cun expediente favorable”. Negan que houbera unha redución de cadro de persoal e que incluso se aumentou “de xeito temporal” en dúas auxiliares.
A concellería defende o seu traballo
Desde o concello afirman que “en ningún caso se levaron a cabo obras por parte da brigada nin con materiais do concello en domicilios particulares”.
Sobre a falta de medidas que critican os socialistas, desde o executivo xalleiro din que este ano “por primeira vez na historia de Santa Comba” se puxo en marcha o programa “Ningún neno xalleiro sen agasallos” que beneficiou a 22 familias.
Aluden ademais a varias becas para actividades extraescolares, a mellora do exterior e do interior da gardería municipal, e o proxecto de adecuación da contorna do colexio Barrié de la Maza.
Respecto a esta última actuación manifestan que “o señor Ucha votou en contra” e que está a tratar de “que se anule presentando recursos que van en contra dos intereses dos xalleiros e xalleiras”