O 31 de xaneiro de 1992 o pavillón polideportivo da Picota acollía a celebración dunha moción de censura que non prosperou, pero que converteu ao concello de Mazaricos no foco da noticia. Vinte e cinco anos despois entrevistamos ao alcalde por aquel entón, Xan Ramos.
P-Fai 25 anos da moción de censura de Mazaricos, que é o primeiro que che ven a cabeza cando falamos dese episodio?
R-A gran efervescencia que había o redor da vida municipal e o rechazo social a unha Moción de Censura que non se entendía polos veciños.
Ademais a Moción estaba propiciada por CATRO concelleiros da CNG e TRES do PP o que facía máis incomprensible a mesma, o candidato era o do PP.
Eu recibira unha mensaxe do PP na que se me instaba a facerme independente ou terían que actuar en contra miña. Alegaban o meu posicionamento partidista, ante distintos asuntos.
Tamén a gran actividade no pouco mais de medio ano de goberno:xa se tiñan posto en marcha varios servizos -entre eles o demandado Centro de Saúde- así como abordado infraestruturas urxentes.
P-Como alcalde de Mazaricos decidiches convocar o pleno nun polideportivo. Porque?
R-Despois de varias conversas co concelleiro José López -xa finado-, e firmante da moción de censura. Chegamos a conclusión de que as promesas que lle fixeron para que asinara, non valían a pena, fronte o escarnio que podía sufrir socialmente.
Decidimos que se ausentara ata que se celebrara o Pleno da Moción. Aí Pastor Alonso -Alcalde de Noia- colaborou para que este concelleiro non estivera en Mazaricos deica despois da celebración do Pleno.
A vista da situación convoquei o Pleno no polideportivo, por dous motivos: Porque quería que calquera veciño do pobo que quixera asistir ao pleno non quedase fora e a vista da oposición social que tiña a moción de censura, puideran dar marcha atrás na súa decisión os asinantes da moción.
Outra circunstancia foi que a moción votouse pero non prosperou.
P-Agardabas ese desenlace ou foi unha sorpresa para ti?
R-Coñecida a ausencia de José López, confiaba que a moción non prosperara.E o non reunir a maioría absoluta de votos, a moción non prosperou.Curiosamente foi a primeira moción que se fixo nun polideportivo e tamén a única que se votou e non prosperou.
P-Entendo que ti non encontraches xustificación para aquela censura…
R-Cando se me escolleu a min para presidir o goberno tripartito ( 4 PP, 2 PSOE e 1 BNG), fíxose nunha xuntanza na que estabamos as militancias dos tres partidos. E foi o conxunto de persoas dos tres partidos que me elixiron.
O compromiso era levar a cabo un cambio na política municipal, facendo un goberno con delegacións para cada grupo. Eu entendo que cumpría, pero altos responsables do PP non vían ben que este partido apoiara o BNG.Por Iso ditaminaron que ou me desvinculaba do BNG ou terían que sacarme da alcaldía.
P-Como era a situación política no concello e como viviches ti aquelas datas?
R-O Alcalde que me precedeu da CNG (Converxencia Nacionalista Galega) e xa finado, foi deputado provincial e mediante unha Moción de Censura na Deputación, sacou da presidencia a Romay Beccaría. Formando el parte do Goberno Provincial.
Aínda que os investimentos no concello estaban acorde co entorno, non así a prioridade dos mesmos nin os servizos que se prestaban os veciños.
Había moito descontento ca súa xestión e os TRES grupos que nos presentabamos coincidiamos na necesidade de relevalo na alcaldía.
A nivel de funcionamento cotián non había estrutura nos traballadores do concello, non se prestaban servizos, tampouco había marcado obxectivos…….
Como mostra de funcionamento, direiche que o plan anual de obras estaba executado pero non adxudicado!!!
As consultas médicas facíanse en casas particulares, había aldeas sen alumeado público…
P-Pasada a moción de Censura como gobernabas, pois estabas en minoría…
R-O goberno compuñámolo un membro do PSOE, dous do PP e eu mesmo.
Para aprobar determinados plans de obras e presupostos, tivemos que recorrer nalgunha ocasión a presión dos veciños, sobre a oposición, afectados por obras que pretendíamos aprobar.
Tíñamos moito contacto cos veciños para explicar a nosa xestión e recoller as súas demandas.
P-Pertencías ao BNG, tiveches un respaldo firme do teu partido?
R-Como partido non, o que tiven foi puntualmente e por persoas concretas da organización.O non pertencer eu a UPG e dende que me apoiou o PP para ostentala alcaldía, a oficialidade do BNG non me tiveron en conta deica que superei a Moción.
Logo, digamos que fun un mais.Tamén co tempo, o BNG caeu nas mans de persoas que a única experiencia vital e ser empregado da organización e iso motivou o meu abandono da mesma.
O que non deixei é de crer na importancia de desenrolar e defender o que é noso.