O presidente de Neria, Javier González, comprométese a dimitir se en quince días non se encontra unha solución no colectivo da Costa da Morte.Sen a Deputación está convencido que “non hai nada que facer”.
Javier González Trillo, nunha imaxe de arquivo
O tempo segue pasando sen novidades no seo da Asociación Neria. Pero a situación ten que clarificarse dun xeito ou doutro con carácter inmediato. Polo menos esta é a mensaxe de Francisco Javier González Trillo.
En declaracións ao Diario de Bergantiños asegura que vai a facer “un último intento, para o que falarei cun par de persoas e logo decidirei”. Pero o presidente da asociación da Costa da Morte non quere que haxa dilacións:”Nas dúas semanas que quedan para que remate o mes hai que zanxar o tema. Non ten sentido seguir prolongando máis a agonía da asociación”.
O presidente de Neria engade que “se todo seguen sendo boas palabras e ninguén quere mollarse de verdade, presentarei a miña dimisión”.Nas páxinas do Diario de Bergantiños, González Trillo deixa claro que a solución pasaría polo apoio da Deputación da Coruña:”Se o organismo provincial non se decide a coller o touro polos cornos, non hai nada que facer”.
Asfixiada polas débedas e pola falta de alternativas a asociación Neria está nunha situación de inactividade e moitas dúbidas. Aínda que hai dirixentes na comarca, como o propio González Trillo, e incluso alcaldes que sosteñen que a entidade supracomarcal é viable e necesaria.O grande problema é que leva moitos meses xogando un tempo extra que non serviu para encontrar unha luz do fondo dun túnel cada vez máis grande.
Non fai moito un grupo de alcaldes desprazouse a Madrid para reunirse con representantes do Ministerio de Industria para tentar buscar unha saída á reclamación do importe dunha subvención por parte do organismo estatal. Pero tampouco houbo, polo momento, resultados positivos.


